A Vicerreitoría de Relacións Institucionais creouse có fin de artellar dun xeito aberto e participativo a comunicación entre Universidade e sociedade.
Neste compromiso de servizo e sintonía coa demanda social, asumiu as tarefas referidas á imaxe corporativa da Universidade e as súas relacións exteriores, incluíndo nestas a sinatura de convenios e protocolos con institucións e empresas, tanto de carácter público como privado.
Os alumnos contan tamén co apoio desta vicerreitoría, de xeito coordinado coa de Extensión Universitaria e Estudantes, desde que chegan á Universidade, mediante múltiples xornadas de orientación e unha completa guía de saídas profesionais, até que rematan os seus estudos e acceden ao mercado laboral, ofrecéndolles unha ampla variedade de programas relacionados coa orientación e o fomento de emprego e as iniciativas empresariais.
Para satisfacer estas expectativas creáronse, ao abeiro desta vicerreitoría, unha serie de servizos entre os que se atopan a Fundación UVigo, dedicada á xestión de prácticas e ofertas de emprego en empresas e institucións e á orientación e asesoramento para a busca de emprego. Tamén no relativo á mobilidade europea dos nosos estudantes e egresados se levan as competencias sobre EURES (European Emplyment Services) tanto desde a dimensión transfronteiriza sendo membro activo dos comités directivo e executivo do EURES-Transfronteirizo Galiza-Norte de Portugal, como da Transnacional, sendo a única universidade do estado que conta cunha conselleira EURES.
A Oficina de Relacións Internacionais é outro dos puntais da vicerreitoría, centralizando, coordinando e xestionando as actividades de cooperación internacional no seo da Universidade e ofrecendo información sobre os diversos programas de intercambio (Erasmus, ISEP, MAE...).
A política lingüística é tamén un eixe básico para Relacións Institucionais. Desde a Área de Normalización Lingüística contribúese á organización da difusión da lingua galega nas actividades da Universidade e, cunha visión de quebrar fronteiras, o Centro de Linguas ofrece a posibilidade de estudar unha ampla variedade de linguas, dende as máis estendidas (inglés, francés, alemán...) até outras máis exóticas (árabe, ruso, chinés...) ou mesmo as linguas de signos.
Son tamén competencia desta vicerreitoría as Cátedras de empresa e/ou institucións contribuíndo deste xeito a unha permanente relación entre o mundo empresarial e os distintos grupos de investigación que existen dentro da Universidade de Vigo.
O Gabinete de Prensa e Comunicación é un dos servizos cos que se fomenta o vínculo entre Universidade e sociedade. Ademais de realizar o Duvi, diario dixital da Universidade, asesora aos membros da comunidade universitaria en asuntos de comunicación e información e xestiona as relacións coa prensa. Deste xeito é fundamental o existente plan de comunicación da Universidade de Vigo. Igualmente, desde o Gabinete de Prensa e Comunicación asesoran á comunidade universitaria en todo o referente ao emprego do manual de identidade visual corporativa. Xa que logo, a persoa responsable do Gabinete de Prensa e Comunicación realiza as tarefas encomendadas desde o equipo de goberno.
A Universidade de Vigo leva colaborando desde esta vicerreitoría coa Xunta de Galiza, coa Asociación "Ponte ... nas Ondas!" e coas Escolas Unesco, asumindo tamén as competencias relacionadas co Patrimonio Inmaterial.
A delegación de competencias da Vicerreitoría de Relacións Institucionais aparece recollida no DOG do 18 de xullo de 2006.